A crónica do 2023
Durante o ano 2023, o Cineclube Padre Feijoo realizou unicamente 92 proxeccións de 72 filmes (12 proxeccións menos e 7 filmes menos con respecto ao ano anterior).
Sen embargo, a pesar da menor actividade incrementáronse os números de espectadores con respecto ao ano anterior (+1761) alcanzando os 5127 espectadores, que aínda non chegan ao nivel alcanzado no ano 2019, antes da pandemia (con 7296, -2169). Este resultado, xunto cos datos económicos que trasladamos máis abaixo, indican un camiño de recuperación, a pesar de non contar con axudas municipais.
A media de asistencia (55,72) por sesión, medrou 7,41 puntos con respecto ao anterior, alcanzado os 71,20 por película (+7,68) que comparando co ano ano pre – pandémico, está 8,1 menos que no 2019.
A novidade de contar cunha sala con máis capacidade (Teatro principal), aínda que non se puideron aproveitar todos dos días do calendario, inflúe nalgúns dos resultados de asistencia; chegando a alcanzar en dúas sesión case os trescentos espectadores. Lamentablemente, a reducción de días ofertados pola dirección do teatro, fai imposible continuar contando coa citada sala pública para o ano 2024.
Continuáronse sen embargo, coas proxeccións ordinarias da filmoteca, especiais e colexio de médicos na Casa da Cultura (Rúa Concello núm.11 de Ourense), recuperando a normalizade no número de sesións.
Fóra das proxeccións ordinarias, continúan a non se realizar as habituais proxeccións do Cine de verán, porque o actual goberno municipal insiste no cobro de taxas a algunhas entidades culturais, a pesar de ser unha actividade aberta e gratuíta.
Si en cambio se realizaron as sesión extraordinarias no patio do Museo etnolóxico de Ribadavia; Marxes Fílmicas en xuño, a proxección extraordinaria da Comuna de Cine de Rojava (5/07/2023) e posteriormente o ciclo de outono.
Dentro das actividades extraordinarias, aparte da celebración dos 50 anos das Xornadas de cine de Ourense das nacionalidades e rexións (xaneiro), realizouse unha proxección para o CIMM arredor do 8M (15/03/2023), unha presentación do libro de Manolo González sobre José Sellier (21/03/2023), unha colaboración co Consello da Cultura Galega sobre o pensamento político de Pasolini (7/11/2023) e as colaboracións coas Xuventudes socialistas de Ourense (29/06/2023) para os actos do Orgullo, así como co Centro Trama (30/11/2023) no día mundial da loita contra o VIH/SIDA.
O traballo ordinario das actividades de proxección, completouse coa investigación, redacción e tradución ao galego das follas de sala (a disposición online no apartado / Calexo / da Sala de Máquinas; web que alberga tamén as memorias pasadas, transparencia, patrimonio,etc), que sirven de introdución a cada un dos filmes programados e, fumos capaces de traer nalgúns dos filmes ao equipo técnico e artístico para a presentación dos filmes, entre os que destacamos a Luis Álvarez Pousa, Manolo González, Enrique Rodríguez Baixeras, Carlos Piñeiro, David Corton e Maribel Outeiriño, na celebración dos 50 anos das Xornadas de cine de Ourense, e na presentación dos seus filmes Plácido Romero (20/10/23), Cora Peña (6/11/23) e Álvaro Gago (18/11/23).
No resto de filmes e sempre antes do comezo, realizouse pola equipa do CCPF unha breve presentación para dar contexto e información básica do filme, dirección, anécdotas, avisos, etc.
Non existe actualmente un debate organizado trala visión dos filmes da programación ordinaria (agás no ciclo do Colexio de Médicos, nalgunhas sesións extraordinarias ou do recente clube de cine), xa que programar varias sesións de cada filme nun mesmo día non permite facelo.
Filmes programados
Data – Título do filme (País, ano de producción) dirección
14/01/23 50 anos das Xornadas de cine en Ourense das Nacionalidades e rexións (coloquio) *
14/01/23 “O documento” (España, 1974) Grupo Enroba –23 min., “Holocausto” (España,1972 ) Grupo Lupa – 15 min., “Illa” (España,1975 ) Carlos Piñeiro – 20 min. VOG (Total: 58 min.) *
16/01/23 Kokon “O espertar de Nora” (Alemaña, 2020) Leonie Krippendorf – 95 nin.
18/01/23 Aftersun (Reino Unido, 2022) Charlotte Wells – 98 min.
23/01/23 Girasoles Silvestres (España, 2022) Jaime Rosales – 107 min.
25/01/23 Eo (Polonia-Italia, 2022) Jerzy Skolimowski – 86 min.
30/01/23 Of fathers and sons (Alemaña, 2022) Talal Derki – 98 min.
01/02/23 Heojil Kyolshim “Decision to leave” (Corea do sur, 2022) Park Chan-wook – 138 min.
06/02/23 A Torinói Ló “O cabalo de Turín” (Hungría, 2011) Béla Tarr e Ágnes Hranizky – 146 min.
08/02/23 Close (Bélxica-Países baixos-Francia, 2022) Lukas Dhont – 104 min.
13/02/23 Suro (España, 2022) Mikel Gurrea – 116 min.
15/02/23 Holy spider (Dinamarca, 2022) Ali Abbas – 117 min
01/03/23 Les choses humaines – O acusado (Francia, 2021) Yvan Attal – 138 min.
05/03/23 Napoleon (Francia, 1927) Abel Gance – 235 min.
06/03/23 Tolyatti Adrift (España, 2022) Laura Sisteró – 70 min
07/03/23 Contagion – Contaxio (EUA-EAU, 2011) Steven Soderbergh – 106 min.
13/03/23 Utama (Bolivia-Uruguai-Francia, 2022) Alejandro Loayza Grisi – 87 min.
14/03/23 La revolución bailando (España, 2020) Julia Rebato e Eli Martin – 64 min.
16/03/23 The whale – A balea (EUA, 2022) Darren Aronofsky – 117 min.
20/03/23 All the Beauty and the Bloodshed – A beleza e a dor (EUA, 2022) Laura Poitras – 113 min.
22/03/23 R.M.N (Rumania-Francia-Bélxica-Suecia, 2022) Crhistian Mungiu – 125 min.
27/03/23 Unrueh – Disturbios (Suíza, 2022) Cyril Schäublin – 93 min.
29/03/23 Historias para no contar (España, 2022) Cesc Gay – 99 min.
10/04/23 L´espoir. Serra de Teruel (Francia, 1940) André Malraux, Boris Peskine – 88 min.
11/04/23 Solas (España, 1999) Benito Zambrano – 98 min.
17/04/23 Lisbon beat – Batida de Lisboa (Portugal, 2019) Rita Maia, Vasco Viana – 65 min.
18/04/23 Bunch of Kunst (Alemaña, 2017) Christine Franz – 103 min.
19/04/23 Symphony of noise: Matthew Herbert´s revolution (Alemaña, 2021) Enrique Sánchez Lansch – 101 min.
20/04/23 Queercore: How to punk a revolution (Alemaña, 2017) Yony Leyser – 83 min.
24/04/23 Szép lányok, ne sírjatok – Non choredes, preciosas (Hungría, 1970) Márta Mészáros – 85 min.
02/05/23 Hors normes – Especiais (Francia, 2019) Éric Toledano, Olivier Nakache – 108 min.
08/05/23 Menschen am Sonntag – Xente en domingo (Alemaña, 1930) Robert Siodmak, Edgar G. Ulmer – VOSG – 74 min.
10/05/23 An Cailín Ciúin – A moza tranquila (Irlanda, 2022) Colm Bairéad – 95 min.
14/05/23 Accattone (Italia, 1961) Pier Paolo Pasolini – 116 min.
15/05/23 Eltavózott nap – A rapariga (Hungría, 1968) – Márta Mészáros – VOSG – 90 min
22/05/23 Curtas; La revolución (es) probable (España, 2022) María Ruído, Lee Douglas e Paula Barreiro – 30 min. + Parolar cun eu (España, 2021) Xisela Franco – 20 min. + A menina que vía homes encadenados (España, 2022) Alicia López – 11 min. – VOG – (Total 60 min.)
24/05/23 L´envol – Scarlet (Francia, 2022) – Pietro Marcello – 100 min.
29/05/23 O río de ouro – O río do ouro (Portugal, 1998) – Paulo Rocha – 95 min.
31/05/23 Boy from heaven – A conspiración do Cairo (Suecia, 2022) – Tarik Saleh – 126 min.
05/06/23 Avaliha – Párvulos (Irán, 1984) – Abbas Kiarostami – 85 min.
07/06/23 Los reyes del mundo (Colombia, 2022) – Laura Mora Ortega – 111 min.
16/06/23 Le grand méchant Renard et autres contes… – O malvado lobo feroz (Francia, 2017) Benjamin Renner e Patrick Imbert – 83 min
19/06/23 Terykony – Moreas de ósos (Ucraína, 2022) Taras Tomenko – 80 min.
21/06/23 Evge – Cara a Crimea (Ucraína, 2019) Nariman Aliez – 96 min.
26/06/23 Moi dumki tikhi – Os meus pensamentos son silentes (Ucraína, 2019) Antonio Lukich – 104 min.
28/06/23 Roses: film-cabaret (Ucraína, 2021) Irena Stetsenko – 78 min.
10/10/23 Mitt liv som hund – A miña vida coma un can (Suecia, 1985) Lasse Hallström – 101 min.
11/10/23 Khers Nist – Os osos non existen (Irán, 2022) Jafar Panahi – 107 min.
16/10/23 Tsuki wa noborinu – A lúa levántase (Xapón, 1955) Kinuyo Tanaka – VOSG – 102 min.
18/10/23 Master gardener – O mestre xardineiro (EEUU, 2022) Paul Schrader – 110 min.
20/10/23 Pretérito imperfecto (España, 2023) Plácido Romero -VOG – 65 min. *
23/10/23 Vanskabte Land – Godland (Islandia, 2022) Hylnur Palmasson – 143 min.
26/10/23 Aprender na língua propia (España, 2023) Semente – VOG – 57 min.
30/10/23 Chibusa yo eien nare – Peitos eternos (Xapón, 1955) Kinuyo Tanaka – 110 min.
06/11/23 Agromantes (España, 2022) Cora Peña – VOG- 72 min. *
07/11/23 Yoidore Tenshi – O anxo bébedo (Xapón, 1948) Akira Kurosawa – VOSG – 102 min.
08/11/23 Yi Ru Chen Yan – O regreso das andoriñas (China, 2022) Li Ruijun – 131 min.
13/11/23 Curtas; García da Galiza, o fillo da traizón (Esp, 2023) Manuel Cráneo – 30 min. + Neuronas a ceo aberto (Esp.,2021) Lucía Estévez – 6 min. + Anatomía dunha serea (Esp.,2022) Adriana Páramo -15 min. –VOG Total 49 min.
15/11/23 Passages (Francia, 2023) Ira Sachs – 91 min.
18/11/23 Matria (España, 2023) Álvaro Gago -VOG – 99 min. *
19/11/23 Hostal España (España, 2020) Chus Domínguez, Inma Álvarez – 60 min.
20/11/23 Where Is Anne Frank – Onde está Anne Frank (Bélxica, 2021) Ari Folman – 99 min.
22/11/23 Il sol dell’avvenire – O sol do futuro (Italia, 2023) Nanni Moretti – 95 min.
25/11/23 Boi neón (Brasil-Uruguai-Países baixos, 2015) Gabriel Mascaró – 101 min.
26/11/23 Curtas; As vacas de Wisconsin (Esp., 2016) Sara Traba – 16 min. + A festa do emigrante (Esp., 2022) – 32 min. –VOG- Total 50 min.
27/11/23 Pacifiction (Francia, 2022) Albert Serra – 165 min.
29/11/23 Je verrai toujours vos visages – As dúas caras da xustiza (Francia, 2023) Jeanne Herry – 118 min.
30/12/23 Curtas; In the wal (Esp.,2017) Afioco – 12 min. + Estigma (Esp., 2018) David Velduque -15 min. + Siempre que lo cuento(Esp., 2019) Roberto P. Toledo – 6 min. + La culpa es de Chenoa (Esp., 2019) Abril Zamora – 15 min. + Diversxs (Esp., 2015) Jorge Garrido e Matía Lamuy – 11 min. – Total 59 min.
11/12/23 Orlando, ma biographie politique – Orlando, a miña biografía política (Francia, 2023) Paul B. Preciado – 98 min.
12/12/23 Michel Petrucciani (Francia-Alemaña-Italia, 2011) Michael Radford – 102 min.
13/12/23 Interdit aux chiens et aux italiens – Prohibido cans e italianos (Francia, 2022) Alain Ughetto – 72 min.
18/12/23 O sangue (Portugal, 1998) Pedro Costa – 97 min.
(* asistencia de equipo ténico/artístico)
Todos os filmes son proxectados en xeral en VOE (versión orixinal en castelán) e VOSE (versión orixinal subtitulada ao castelán), agás aqueles que indicamos VOSG (versión orixinal subtitulada ao galego) ou VOG (versión orixinal en galego), contraendo o Cineclube o compromiso de subtitular ou elixir con preferencia a VOG / VOSG. Este ano proxectáronse 12 filmes en galego. Dentro dos compromisos de equidade de xénero, proxectáronse 24 filmes dirixidos por mulleres en solitario ou con dirección compartida (seis filmes máis con respecto ao ano 2022).
O cineclube realiza ademais un esforzo publicitario, na rúa coa impresión de carteis de cada ciclo, e en internet; ao través do blog(programación ordinaria) Extraccpf (colaboracións extraordinarias) e nas redes sociais ( twiter, facebook, instagram , Youtube , Pinterest ) e da aplicación de mensaxería Telegram.
Procedencia das producións exhibidas
Por procedencia dos filmes, aínda que resalta coma sempre a suma europea con 58 producións, destacan dentro disto as 15 producións francesas, 11 producións españolas (+ 16 curtas), 5 filmes de procedencia americana (4 dos EUA), conformado no ano 2023 unha variedade de 26 países diferentes.
Asistencia
Dentro das capacidades alcanzadas no ano 2023, destacan as proxeccións; “The whale” (A balea) (EUA, 2022) de Darren Aronofsky con 299 persoas, Aftersun (Reino Unido, 2022) Charlotte Wells con 261 persoas e Close (Bélxica-Países baixos-Francia, 2022) Lukas Dhont con 243 persoas.
Dentro das sesións de filmoteca, a proxeccións de All the Beauty and the Bloodshed – A beleza e a dor (EUA, 2022) Laura Poitras con 87 espectadores, Unrueh – Disturbios (Suíza, 2022) de Cyril Schäublin con 65 espectadores e Suro (España, 2022) de Mikel Gurrea con 64 espectadores.
A proxeccións extraordinarias que máis público congregaron foron L´espoir. Serra de Teruel (Francia, 1940) André Malraux, Boris Peskine e Pretérito imperfecto (España, 2023) Plácido Romero, con 74 persoas cada unha.
Economía.
A diferenza do ano anterior, en 2023 os ingresos por cotas (22.976 euros) aliviaron a conta de resultados, disminuíndo a relevancia na prestación de servizos (8.766,66) realizados polo cineclube. Isto débese en parte á maior capacidade da sala do Teatro principal e incremento do prezo do billete no apartado das cotas. Pola contra a disminución pola prestación de servizos, derívase das menores disponibilidades persoais, contratacións menores e incapacidades de ampliar a axenda, fóra da programación habitual. Lamentablemente un ano máis, non se agardan mudanzas na política de apoios á cultura por parte das institucións municipais (Tanto do Concello como da Deputación).
No apartado de ingresos principais, a cota anual normal e obrigatoria estableceuse desde a pasada asamblea en 10 euros. A devandita cota ten descontos para desempregados, estudantes e xubilados (50%),
A cota proporcional e semanal para as sesións de ciclo (mércores) ascendeu a 5 euros pola imposibilidade da transmisión de datos de carácter persoal ao Teatro principal. Dese importe detráese o 21% de IVE, que motiva a alza de gasto no apartado de tributos e comisións.
A diferenza doutros anos, en que existía unha diferenza de cotas para as sesións de filmoteca dos luns (socios/as: 2 euros, 2,5 euros non asociados/as) estableceuse na última asemblea a exención de cotas aos socios/as en compensación da imposibilidade de desconto das sesións de ciclo, manténdose a cota de 2,5 euros para os non asociados/as.
No desglose dos gastos, preséntanse unha continuidade no apartado de adquisición de licenzas de exhibición de filmes (De 12.387,26 euros no 2022 a 12.528,16 euros no 2023). Continua como principal fornecedor, loxicamente, a FECIGA (que actúa de intermediaria entre as diferentes distribuídoras audiovisuais).
Disminución no apartado de outros, dado que so contabilizamos gastos de dominio e seguro (excluíndo este ano a limpeza do proxector, avarías e repostos) e a partida de tributos e comisións pasou no 2022 de 5.725,2 euros a 6.417,94 euros no 2023.
Na diferencia entre ingresos e gastos, resulta favorable cun saldo de 2.975,19 euros.
Declaración de axudas recibidas.
Manuel Precedo Barbeito, presidente do Cineclube Padre Feijoo, en relación á programación e difusión da
cultura cinematográfica realizada durante o ano 2023, declara:
1. O cineclube non ten concedida actualmente ningún tipo de axuda por subvención nominativa ou por concurrencia.
2. O cineclube, ao formar parte da Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA), recibe un desconto na facturación dos filmes, froito do convenio suscrito entre a FECIGA e a Xunta de Galicia, para a promoción da actividade cineclubística en toda Galicia. En razón ao mesmo, insírese na publicidade das actividades, os logos da Federación de Cineclubes de Galicia e da Xunta de Galicia.
3. O Cineclube Padre Feijoo, ten asinado un convenio coa Axencia galega de industrias culturais (AGADIC), para albergar en Ourense a programación descentralizada da filmoteca galega; O Centro Galego das artes da imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), encargándose únicamente da proxección dos filmes enviados, e inserindo do mesmo xeito na publicidade, os logos do CGAI-Filmoteca de Galicia e do AGADIC.
4. O cineclube, en recoñecemento á colaboración e facilidades prestadas desde o re-inicio das proxeccións no salón de actos da casa da cultura (outono de 2013), xestionado entón pola Biblioteca pública, insire en toda a súa publicade, o logo da Biblioteca pública de Ourense. Do mesmo xeito, insírese o logo dos Autobuses urbanos de Ourense polas facilidades na colocación de carteis, sen ningunha contraprestación dineraria.
E para que conste aos efectos oportunos, asino a presente declaración no lugar e data indicados.
Ourense, 4 de xaneiro de 2024.
PD.- Pode consultarse as xustificacións ás subvencións recibidas de anos anteriores, no apartado de transparencia https://salademaquinas.wordpress.com/
Convocatoria asemblea 2024
En aplicación do artigo 19 dos estatutos do Cineclube Padre Feijoo, a Xunta directiva acordou convocar Asemblea ordinaria para o vindeiro sábado 13 de xaneiro de 2024, ás 12:00 horas en primeira convocatoria e 12:30 en segunda e última convocatoria, no salón de actos da Casa da Cultura.
Convócase aos/as socios/as, para:
1.- Informe das memorias (actividades e económicas) do ano 2023, balance económico e de contas e aprobación se procede.
2.- Aprobación se procede de orzamento económico e proxecto de actividades e investimentos para o ano 2024.
3.- Suxestións, pregos e preguntas.
Para asistencia e exercizo de votación, é imprescindible estar ao corrente de cotas do ano 2023.
Dacordo co artigo 22, a asemblea queda validamente constituída sempre que concurran a metade mais un dos asociados na primeira convocatoria, con calquera número de asistentes, mais, en todo caso coa presenza do presidente ou vicepresidente e o secretario ou a persoa que o substitúa.
Dado o carácter ordinario da asemblea, os acordos que se adopten deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes.
Memorias económicas e de actividades 2023 e proxecto 2024 (PDF 319 Kb)
Ourense, 5 de xaneiro de 2024.