A crónica do 2021

Durante o ano 2021, o Cineclube realizou unicamente 69 proxeccións de 61 filmes (-101 proxeccións e -43 filmes con respecto ao ano anterior no que se celebrou o 50 aniversario).

A menor actividade vese reflictida no número de asistentes globais de espectadores 1.549 (-3.098 con respecto ao ano 2020) motivados tamén pola reducción de aforo, (30 e 50%) así como do inicio da programación dous meses máis tarde do habitual e pola realización de obras de impermeabilización, que soportou íntegramente o cineclube, para evitar a degradación dos corredores, almacén e parte do escenario motivado polas humidades das terrazas taseiras da Casa da cultura.

A media de asistencia disminuíu con respecto ao ano anterior, 22,4 por sesión (-4,93) e 25,39 por filme (-17,24). É posible explicar esta baixada pola mudanza no paradigma de consumo cinematográfico, orientado a un consumo seguro na individualidade do fogar ou na falta de “normalidade” de recuperación de costumes pre-pandemia. Coincide nos días de elaboración desta memoria, cos datos de asistencia aos museos, que pecharon o ano 2021 cun tercio das visitas perdidas no 2020 e consonte datos de ComScore, o cine comercial sumou, a pesar de certa recuperación no segundo semestre, un 43% menos de espectadores no primeiro semestre do ano transcurrido.

Os datos de asistencia, xunto coa incertidume aínda permanente da pandemia, coas posibles mutacións de variantes e gromos asociados ao comportamento non permiten aventurar o final deste pesado camiño, nin das dificultades, que como trasladamos na parte económica, poden complicar a viabilidade da actividade nos termos actuais de calidade e duración.

Continúase coas proxeccións ordinarias, que se realizan na Casa da Cultura (Rúa Concello núm.11 de Ourense), no pasado ano; os luns ás 20:30 horas, e os mércores ás 18:00 e 21 horas. Os horarios e aforos víronse alterados pola situación da pandemia, do mesmo xeito que outra programación, como a do Colexio de Médicos, que só puido celebrar 1 sesión das 6 inicialmente previstas.

Fóra das proxeccións ordinarias, non se puideron realizar as habituais proxeccións do Cine de verán, previstas na Praza da República; fronte á Biblioteca Pública “Nós”, pola esixencia municipal ao pago de taxas dunha actividade gratuíta (mentres eximíase ao mesmo tempo á ABANCA por una exposición na rúa do Paseo), si en cambio as de Ribadavia; Marxes Fílmicas no patio do Museo Etnolóxico en xullo e na Casa da Cultura para o ciclo de outono, coa colaboración da Concellería de cultura do Concello de Ribadavia.

Programáronse ciclos adicados aos Goya, Wong Kar Wai, unha Primavera musical reducida (sen os locais de música), e diversas e variadas sesións, incluíndo proxeccións especiais en colaboración con outros colectivos e institucións; Orgullo Ourense, ONCE, CIMM, ademais das habituais colaboracións co Colexio de médicos, Museo etnolóxico de Ribadavia, AMAL…e da Filmoteca de Galicia.

O traballo ordinario das actividades de proxección, completouse coa investigación, redacción e tradución ao galego das follas de sala (a disposición online no apartado / Calexo / da Sala de Máquinas; web que alberga tamén as memorias pasadas, transparencia, patrimonio,etc), que sirven de introdución a cada un dos filmes programados e, na medida das posibilidades nunha situación tan difícil, fumos capaces de traer nalgúns dos filmes ao equipo técnico e artístico para a presentación dos filmes, entre os que destacamos a Jaione Camborda (10/05/21), Melania Cruz (2/11/21) e Simone Saibene (27/11/21). No resto e sempre con cada filme, e antes de iniciarse a proxección, realízase unha breve presentación para dar contexto e información básica do filme, dirección, anécdotas, etc.

Non existe actualmente un debate organizado trala visión dos filmes da programación ordinaria (agás no ciclo do Colexio de Médicos, nalgunhas sesións extraordinarias ou do recente clube de cine), xa que programar varias sesións de cada filme nun mesmo día non permite facelo.

Filmes programados

Data – Título do filme (País, ano de producción) dirección

05/04/21 Las niñas (España,2020) Pilar Parromero

07/04/21 Las niñas (España,2020) Pilar Parromero

12/04/21 Ane (España, 2020) David P. Sañudo

14/04/21 Ane (España, 2020) David P. Sañudo

19/04/21 Sentimental (España, 2020) Cesc Gay

21/04/21 Sentimental (España, 2020) Cesc Gay

26/04/21 My Mexican Bretzel (España, 2019) Nuria Giménez Lorang

28/04/21 My Mexican Bretzel (España, 2019) Nuria Giménez Lorang

03/05/21 El año del descubrimiento (España, 2020) Luis López Carrasco

05/05/21 Chungking Express (Hong Kong,1994) Wong Kar-Wai

10/05/21 Arima (España, 2019) Jaione Camborda *

12/05/21 Fallen angels (Hong Kong,1995) Wong Kar-Wai

19/05/21 In the mood for love (Hong Kong,2000) Wong Kar-Wai

24/05/21 Pauline na praia (Francia,1986) Éric Rohmer

26/05/21 2046 (Hong Kong,1994) Wong Kar-Wai

31/05/21 O raio verde (Francia,1986) Éric Rohmer

02/06/21 PJ Harvey: A dog called money (Irlanda, 2019) Seamus Murphy

07/06/21 Africa mia (Francia, 2019) R. Minier e E. Salier

09/06/21 Crock of gold;Bebendo con Shane MacGowan (Reino Unido, 2020) Julien Temple

14/06/21 As vidas de Marona (Francia-Romania-Bélxica, 2019) Anca Damian

17/06/21 Persoas SA (España,2020) Carmen PG Granxeiro

23/06/21 Corazón silencioso (Dinamarca, 2014) Bille August

05/07/21 Bajo la piel (Perú, 1996) Francisco J. Lombardi

07/07/21 Madeinusa (Perú, 2006) Claudia Llosa

12/07/21 Las malas intenciones (Perú, 2011) Rosario G. Montero

14/07/21 Canción sin nombre (Perú, 2019) Melina León

18/10/21 Song to song (EUA, 2017) Terrence Malick

20/10/21 Proximamente ultimos días (España, 2020) Miguel Eek

25/10/21 Ven e mira (Rusia, 1985) Elem Klimov

27/10/21 Outra ronda (Dinamarca, 2020) Thomas Vintenverg

02/11/21 Se Talía fora cega (España, 2021) Antonio Gil e Esteve Ferrer *

03/11/21 Annette (Francia, 2020) Leo Carax

06/11/21 Entre pastores e lobos (España, 2020) Manuel Pedrosa

08/11/21 Curtas Lucía Estévez (España)

10/11/21 Petite maman (Francia, 2021) Céline Sciamma

13/11/21 Manoliño Nguema (España, 2019) Antonio Grunfeld

15/11/21 Variety (Alemaña-EUA-Reino Unido, 1983) Bette Gordon

17/11/21 First cow (EUA, 2019) Kelly Reichardt

20/11/21 Cesteando (España, 2016) Plácido Romero

22/11/21 A metamorfose do pássaros (Portugal, 2020) Catarina Vasconcelos

24/11/21 Ondine (Alemaña, 2020) Christian Petzold

27/11/21 Pelerinaxes (España, 2016) Simone Saibene *

29/11/21 Begining (Xeorxia, 2020) Dea Kulumbegashvili

30/11/21 A candidata perfecta (Arabia Saudita, 2019) Haifaa Al-Mansour

01/12/21 Bacurau (Brasil, 2019) Kleber Mendoça filho e Juliano Dornelles

02/12/21 El círculo (España, 2020) Iván Roiz

13/12/21 Curtas Xurxo Chirro (España)

15/12/21 Adam (Marrocos, 2019) Maryam Touzani

16/12/21 For Sama (Sria-Reino Unido, 2019) Waad Al-Kateab e Edwaed Watts

17/21/21 It must be heaven (Palestina, 2019) Elia Suleiman

18/12/21 Gaza (Irlanda, 2019) Garry Keane e Andrew McConnell

19/12/21 Tel Avic on fire (Luxemburgo, 2018) Sameh Zoabi

(* asistencia de equipo ténico/artístico)

Todos os filmes son proxectados en xeral en VOE (versión orixinal en castelán) e VOSE (versión orixinal subtitulada ao castelán), agás aqueles que indicamos VOSG (versión orixinal subtitulada ao galego) ou VOG (versión orixinal en galego), contraendo o Cineclube o compromiso de subtitular cada ano determinados filmes ou preferindo de existir, a versión no propio idioma de Galicia. Este ano, o Cineclube subtitulou ao galego “Yol, O Camiño” (Turquía, 1982) de Yilmaz Güney e Serif Gören.

O cineclube realiza ademais un esforzo publicitario, na rúa coa impresión de carteis de cada ciclo, e en internet; ao través do blog (programación ordinaria) Extraccpf (colaboracións extraordinarias) e nas redes sociais ( twiter, facebook, instagram , Youtube , Pinterest ) e da aplicación de mensaxería Telegram.

Dentro do compromiso co idioma propio, o cineclube anualmente e dentro das posibilidades, tenta subtitular filmes ao galego, e colga para libre uso os traballos realizados na plataforma opensubtitles.org.

Procedencia das producións exhibidas

Por procedencia dos filmes, aínda que resalta coma sempre a suma europea con 30 producións, destacan dentro disto as 14 producións españolas (+ 7 curtas, todas galegas), 6 filmes de procedencia francófona e 5 de América latina, conformado no ano 2021 unha variedade de 20 países diferentes.

Asistencia.

Dentro dos aforos alcanzados no ano 2021, destacan as proxeccións europeas; “Petite maman” (Francia, 2021) de Céline Sciamma con 106 persoas, Druk Outra ronda” (Dinamarca, 2020) Thomas Vintenverg con 87 persoas e “Las niñas” (España, 2020) de Pilar Parromero con 74 persoas.

Dentro das sesións de filmoteca, a proxeccións de Wong Kar Wai foron as que más espectadores congregaron, con “In the mood for love” e “Fallen angels” con 41 e 34 espectadores.

A proxección extraordinaria que máis público congregou foi para o filme en colaboración coa ONCE “Se talia fora cega” de Antonio Gil e Esteve Ferrer, con 43 espectadores.

Por semestres, destacamos a evolución a mellor (+29,9%) do segundo semestre con 911 espectadores globais en contraposición ao primeiro de 638. (No ano 2020 e anteriores, non son comparables polas celebracións dos 50 anos nin pola ausencia de restriccións da pandemia)

A continuación os detalles de asistencia desglosado por filmes.

Economía.

En 2021 os servizos prestados aliviaron, xunto co cobro dunha subvención pendente (6000 euros) do ano anterior, para obter apenas un resultado de 862,59 euros de diferencia favorable no final do exercizo. As cotas anuais e proporcionais por sesión aportaron neste ano, apenas un 18% dos ingresos do Cineclube (con respecto ao ano anterior -28%). Ao peche do exercizo quedan pendentes por recibir ingresos de servizos prestados por importe de 6.071,78 euros e lamentablemente non se agarda unha mudanza na política de apoios á cultura por parte das institucións municipais (Tanto Concello como Deputación).

No desglose dos gastos, un 10% (-2,7) corresponden ao pago de tributos e comisións, un 52,66 % ( +19,42) a servizos contratados (seguros, dominio internet, Emerxencia cultural, SOS Ourense ventiladores de sala, Disco duro e gravadora BR, etc.), e a partida máis importante habitualmente, baixou en correspondencia ao ano anterior; pola baixada tamén de filmes proxectados. A adquisición de dereitos para difusión pública dos filmes, pasou do 54,06% no exercicio de 2020 a 31,83%. Continua como principal fornecedor, loxicamente, a FECIGA (que actúa de intermediaria entre as diferentes distribuídoras audiovisuais).

No apartado de ingresos principais, a cota anual normal e obrigatoria estableceuse desde a pasada asamblea en 10 euros. A devandita cota ten descontos para desempregados, estudantes e xubilados (50%), así como para as proxeccións das 23:00 horas e os que asistan a todas as proxeccións da semana (filmoteca + ciclo). A xunta directiva, decidíu eximir de cota anual para o ano 2021 a quenes estiveran ao corrente no ano 2020 como xeito de compensación do ano atípico vivido (recordemos con suspensión de sesiós e reducción de aforos). Isto como é lóxico, xunto coa reducción de sesións conlevou a reducción de ingresos por cotas como anteriormente sinalouse (-28% de ingresos por cotas e cunha reducción do 60,3% de sesións con respecto ao ano anterior). O número actualizado de persoas ao corrente de pagamento é de 457 dun total de 732 socios/as.

A cota proporcional e semanal de socios/as: 2 euros en sesións de Filmoteca (luns), 4 euros en sesión de ciclo (mércores). Existe un desconto aos socios que aplícase en caso de asistencia nunha mesma semana ás 2 sesións (-1 euro), que se desconta na sesión do mércores. Do mesmo xeito, aplícase outro desconto a desempregados, xubilados e estudantes para a sesión das 23:00 horas (-1 euro). Non se fai desconto en caso que as sesións sexan gratuítas ou de que a persoa ou ben non sexa asociada ou ben teña a cota de pago anual pendente. (Aos non asociados, as cotas proporcionais establecidas para sostemenemto da actividade establécense en 2,5 euros en sesións de Filmoteca, 5 euros en sesión de ciclo). O número de cotas proporcionais de sostibilidade da actividade ou billetes de acceso ás sesións do cineclube durante o ano 2021 ascende 1.373 entradas.

Declaración de axudas recibidas.

1. O cineclube non ten concedida actualmente ningún tipo de axuda por subvención nominativa ou por concurrencia.

2. O cineclube, ao formar parte da Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA), recibe un desconto na facturación dos filmes, froito do convenio suscrito entre a FECIGA e a Xunta de Galicia, para a promoción da actividade cineclubística en toda Galicia. En razón ao mesmo, insírese na publicidade das actividades, os logos da Federación de Cineclubes de Galicia e da Xunta de Galicia.

3. O Cineclube Padre Feijoo, ten asinado un convenio coa Axencia galega de industrias culturais (AGADIC), para albergar en Ourense a programación descentralizada da filmoteca galega; O Centro Galego das artes da imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia), encargándose únicamente da proxección dos filmes enviados, e inserindo do mesmo xeito na publicidade, os logos do CGAI-Filmoteca de Galicia e do AGADIC.

4. O cineclube, en recoñecemento á colaboración e facilidades prestadas desde o re-inicio das proxeccións no salón de actos da casa da cultura (outono de 2013), xestionado entón pola Biblioteca pública, insire en toda a súa publicade, o logo da Biblioteca pública de Ourense.

Pode consultarse as xustificacións ás subvencións recibidas de anos anteriores, no apartado de transparencia, na web; sala de máquinas do Cineclube Padre Feijoo.

Poede descargar o documento completo: Memoria 2021 e documentos de asamblea 2022 (297 kb) .

CONVOCATORIA ASEMBLEA 2022

En aplicación do artigo 19 dos estatutos do Cineclube Padre Feijoo, a xunta directiva acordou o 20 de decembro de 2021 convocar Asembleas ordinaria e extraordinaria para o vindeiro luns 17 de xaneiro de 2022, ás 17:30 horas en primeira convocatoria e 18:00 en segunda e última convocatoria, no salón de actos da Casa da Cultura. A celebración das asembleas será sucesiva, coa orde que se detalla a continuación.

> Con carácter ordinario da asemblea, convócase aos/as socios/as, para:

Informe das memorias (actividades e económicas) do ano 2021 e aprobación se procede do balance económico e de contas, orzamento económico e proxecto de actividades para o ano 2022. Rogos e preguntas.

> Con carácter extraordinario da asemblea, e consonte ao artigo 21 dos estatutos:

Modificación dos estatutos da asociación e elección da xunta directiva.

Para asistencia e exercizo de votación, é imprescindible estar ao corrente de cotas do 2020 ou 2021 e presentar o carné de asociado, xunto cunha identificación con foto.

A asemblea quedará validamente constituida sempre que concorran a métade máis un dos membros socios na primeira convocatoria ou na segunda, cos presentes indistintivamente do seu número. Dada a característica dos acordos a adoptar na asemblea extraordinaria, será necesario a maioría de 2/3 dos presentes. Na asemblea ordinaria, basta con maioría simple.

O contido da modificación dos estatutos será o seguinte:

Modificación do artigo 12.1:

(Actual) O presidente da asociación será designado pola Asemblea xeral entre os asociados e o seu mandato durará dous anos. Será substituido nas súas funcións por un vicepresidente, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

(Cambio proposto) O presidente da asociación será designado pola Asemblea xeral entre os asociados e o seu mandato durará catro anos. Será substituido nas súas funcións por un vicepresidente, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Modificación do artigo 13.1:

(Actual) A xunta directiva estará formada polo presidente da asociación, un secretario, un tesoureiro e dous vogais.

(Cambio proposto) A xunta directiva estará formada polo presidente da asociación, un vicepresidente un secretario, un tesoureiro e tantos vogais que se consideren en numero impar.

Modificación do artigo 19:

(Actual) A asemblea xeral ordinaria reunirase necesariamente no período que vai desde o mes de xaneiro ata marzo. Tanto a Asemblea ordinaria como a extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo presidente/a da Xunta directiva.

A notificación farase nos locais da asociación para as asembleas ordinarias e no domicilio dos asociados para as asembleas extraordinarias.

(Cambio proposto) A asemblea xeral ordinaria reunirase necesariamente no período que vai desde o mes de xaneiro ata xuño. Tanto a Asemblea ordinaria como a extraordinaria serán convocadas con 7 días de antelación polo presidente/a da Xunta directiva.

A notificación farase nos locais da asociación e no domicilio electrónico que faciliten os asociados.

Pode consultarse o contido orixinal completo dos estatutos vixentes, aquí.

Contamos reiniciar a programación ordinaria a partir do mércores 19 de xaneiro de 2022.

Nota: De existir restriccións de aforamento por cuestións sanitarias, habilítarase unha canle de streaming tipo Jitsi meet (que comunicaremos oportunamente aos socios e socias ao corrente de pago, por correo o nome do chat ou sala).

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s