cineclubepf?

A principios do curso 1970-71 naceu, como actividade cultural dentro da Escola de Maxisterio, o Cineclube Padre Feijoo, herdeiro da tradición cineclubista da cidade que durante os sesenta foi representada polos cineclubes Ourense —de efémera vida, nacido en 1961 e fenecido pouco despois— e Miño —posto en marcha ao pouco de pechar o anterior, e aberto ata 1964—.

Nos setenta, o Padre Feijoo «desbordará os límites dun mero cine-clube e converterase nun dos elementos máis dinamizadores do movemento cultural, contribuíndo ao surximento e desenvolvemento dunha das manifestacións cinematográficas máis interesantes da década: as “Xornadas de Cine en Ourense”» (Ángel Luis Hueso en Historia do Cine en Galicia, Vía Láctea, 1996, pp. 185-6). As Xornadas pasan no 78 a se denominar «Xornadas do Cine das Nacionalidades», abandeirando así o nacente cinema galego entre os das outras comunidades históricas do Estado.
Durante os oitenta, e xa definitivamente separado da Escola, o Cineclube segue con ciclos como as Mostras Cinematográficas (oito edicións) ou, máis tarde, o titulado «Espacios fílmicos», en colaboración co Cine Dúplex. A isto hai que engadir a organización de cursos de formación cinematográfica e conferencias, ciclos de cinema infantil, de humor, expresionismo alemán, cinema francés,… e a edición de folletos e catálogos en galego practicamente desde a súa fundación (especialmente desde 1974; v. Marcos Valcárcel, «Apuntes para a historia do cineclubismo galego», en Entregas de Comunicación Cultural, nº 7, Consellería de Cultura, 1984).

As proxeccións do Padre Feijoo teñen pasado por multitude de salas durante estes anos, desde cinemas comerciais ata salóns de actos públicos ou privados; coa inauguración a principios dos oitenta da Casa da Cultura, o seu salón de actos é acondicionado, mediante a instalación de dous vellos proxectores de 35 mm —que aínda hoxe seguen en funcionamento—, mercados de segunda man e que teñen posibilitado que o Cineclube teña en Ourense unha especie de ‘sede’ para as súas sesións. Soamente a fins dos noventa pasou a utilizarse de forma intermitente o Teatro Principal, equipado co gallo do Festival de Cinema Independente —utilización interrompida despois por un cambio na política da xerencia da sala—, e actualmente existe o proxecto, paralizado, de restauración e reequipamento da sala da Casa da Cultura.
Por iso, de momento, -e mentres poidamos- proxectamos nos únicos cines que quedan en Ourense (Cinebox).

Despois de máis de 40 anos, temos unha ambición; ter a nosa sala propia.

No ano 2010, recibimos o premio MOROGO, outorgado polo Café Isaac en razon…” por demostrar con constancia e poucos recursos económicos que cando a proposta cultural ten calidade, os ourensáns respostan  facendo honra ao vello apelativo de que ésta é a Atenas de Galicia.

Logo de ser unha referencia cultural na dictadura e a transición, e de sucumbir no seu día as presións do sector máis retrogado da nosa  sociedade, ate o punto de acabar sendo unha entidade marxinal, seus actuais xestores, souperon revitalizar éste foro que foi fundamental na nosa cultura moderna, e aglutinar aos amantes da cinematografía ourensán, ao redor de cintas que non acostuman a chegar ás nosas salas de proxección. Pezas fundamentais do séptimo arte que de non ser polo tesón e interese cultural amosado polo Cineclube Padre Feijoo, non serían accesibles aos ourensáns que respostan coa sua asistencia ás proxeccións”

O cineclube Padre Feijoo ten un correo de contacto: cineclubepf (a) gmail.com, e aproveita as redes sociais, no facebook, twiter, e google +.

Tamén poñerte en contacto na rúa Ramón Cabanillas, 1 entrechán (Ourense), e no fax; 988 23 59 46.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s