A crónica do 2020

Durante o ano 2020, o Cineclube celebrou o seu 50 aniversario e realizou 170 proxeccións de 104 filmes (1 proxección e 12 filmes máis con respecto ao ano anterior). Este dato é extraordinario, tendo en conta a obrigada paralización de actividades decretada polo estado de alarma sanitario, e consecuente coa singular celebración do 50º aniversario do Cineclube.

Habitualmente, as proxeccións ordinarias realízanse no salón de actos da Casa da Cultura (112 butacas) os luns ás 20:30 e 23:00 horas, e os mércores ás 18:00, 20:30 e 23:00 horas. Os horarios e aforos víronse alterados pola situación da pandemia, do mesmo xeito que outra programación, como a do Colexio de Médicos ( martes, unha vez ao mes ás 19.30 horas), que só puido celebrar 2 sesións das 6 inicialmente previstas.

Outras sesións que cómpre destacar, fóra do espazo habitual de proxeccións, foron nesta ocasión as realizadas na Praza da República (fronte á Biblioteca Pública “Nós”, para proxectar o Cinema de Verán, xunto coas sesións no espazo da Asociación Cultural Andén 1.º (Avda. Marín 27) ou en Ribadavia (Marxes Fílmicas no patio do Museo Etnolóxico en xullo e Igrexa da Madalena para o ciclo de outono).

50 anos do cineclube

A principios do curso 1970-71 naceu, como actividade cultural dentro da Escola de Maxisterio, o Cineclube Padre Feijoo, herdeiro da tradición cineclubista da cidade que durante os anos 60 foi representada polos cineclubes Ourense —de efémera vida, nado no verán de 1960 e finado pouco despois— e Miño —posto en marcha ao pouco de pechar o anterior, e aberto ata 1964.

Nos 70, o Padre Feijoo «desbordará os límites dun mero cine-clube e converterase nun dos elementos máis dinamizadores do movemento cultural, contribuíndo ao xurdimento e desenvolvemento dunha das manifestacións cinematográficas máis interesantes da década: as “Xornadas de Cine en Ourense“» (Ángel Luis Hueso en Historia do Cine en Galicia, Vía Láctea, 1996, pp. 185-6). As Xornadas pasan no 78 a denominarse «Xornadas do Cine das Nacionalidades», abandeirando así o nacente cinema galego entre os das outras comunidades históricas do Estado.

Durante os 80, e xa definitivamente separado da Escola, o Cineclube segue con ciclos como as Mostras Cinematográficas (oito edicións) ou, máis tarde, o titulado «Espacios Fílmicos», en colaboración co Cine Dúplex. A isto hai que engadir a organización de cursos de formación cinematográfica e conferencias, ciclos de cinema infantil, de humor, expresionismo alemán, cinema francés… e a edición de folletos e catálogos en galego practicamente desde a súa fundación (especialmente desde 1974; v. Marcos Valcárcel, «Apuntes para a historia do cineclubismo galego», en Entregas de Comunicación Cultural, nº 7, Consellería de Cultura, 1984).

As proxeccións do Padre Feijoo teñen pasado por multitude de salas durante estes anos, desde cinemas comerciais até salóns de actos públicos ou privados; coa inauguración en 1977 da Casa da Cultura (un ano despois Biblioteca Pública), o seu salón de actos é acondicionado, mediante a instalación de dous vellos proxectores OSSA (1940) de 35 mm, mercados de segunda man e que teñen posibilitado que o Cineclube teña en Ourense unha especie de ‘sede’ para as súas sesións. Só a fins dos 90 pasou a utilizarse de forma intermitente o Teatro Principal, equipado co gallo do Festival de Cinema Independente (utilización interrompida despois por un cambio na política da xerencia da sala).

Despois dun periodo de proxeccións no Cinebox (interrompido pola quebra da compañía), o Cineclube proxecta de novo na Casa da Cultura (rúa Concello, 11) e adquire un novo proxector de 35 mm, unha nova pantalla (6×2,8 aprox.) e dous proxectores dixitais, e adapta a instalación de son do salón de actos con Dolby dixital.

En 2010, o Cineclube recibe o Premio Morogo, outorgado polo lamentablemente desaparecido Café Isaac, en razón do seguinte: ”Por demostrar con constancia e poucos recursos económicos que cando a proposta cultural ten calidade, os ourensáns respostan facendo honra ao vello apelativo de que esta é a Atenas de Galicia. Logo de ser unha referencia cultural na dictadura e a Transición, e de sucumbir no seu día ás presións do sector máis retrogado da nosa sociedade, até o punto de acabar sendo unha entidade marxinal, os seus actuais xestores souberon revitalizar éste foro que foi fundamental na nosa cultura moderna, e aglutinar aos amantes da cinematografía ourensáns, ao redor de cintas que non acostuman a chegar ás nosas salas de proxección. Pezas fundamentais da sétima arte que de non ser polo tesón e interese cultural amosado polo Cineclube Padre Feijoo, non serían accesibles aos ourensáns que respostan coa sua asistencia ás proxeccións”.

En febreiro de 2019, recibíu de xeito colectivo (por medio da Federación de Cineclubes de Galicia) o Premio José Sellier dos Mestre Mateo 2018.

A celebración do 50 aniversario no 2020 víuse parcialmente modificada a causa da inrrupción da pandemia do COVID-19, que obrigou polo estado de alarma decretado á paralización de toda actividade non esencial e confinou á poboación durante un par de meses. A evolución cambiante, tanto das normas como da situación sanitaria, modificou a programación planificada polo Cineclube. Non se puideron celebrar as palestras e os concertos de música, nin realizar o convite a cineclubes de fóra de Galicia polas limitacións de aforo. Con todo, mantívose a homenaxe aos membros das antigas directivas do Cineclube, extremando as medidas de seguridade. Asistiron entre outros Xosé Paz, Segismundo Bobillo, David Cortón, Xosé Lois Carrión, María Teresa Ansias, Pura Veiga, Henrique Torreiro e Maribel Outeiriño. Ademais do xantar no Liceo (ao que tamén se convidou a outros representantes da actividade cultural ourensá coma o propio Liceo, o Ateneo, a Coral de Ruada…) entregouse no acto previo unha ilustración numerada e exclusivamente realizada para o 50 aniversario polo artista Pablo Otero “Peixe”, quen resaltou no momento da encomenda a especial ilusión que lle facía por ter crecido nas sesións infantís organizadas polo Cineclube en tempos no Cine Mary. No acto, aparte dos membros da directiva actual para agradecer o traballo dos precedentes, tomaron a palabra Maribel Outeiriño, David Cortón e Xosé Paz, que agradeceron poder celebrar os 50 anos do Cineclube. Tamén participou o Secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, que afirmou que o Cineclube Padre Feijoo “é un dos grandes referentes culturais de Ourense”.

[Vídeos: 50 anos / Encontro cineclubes ]

Os actos completáronse coa proxección do primeiro filme do que temos constancia que se proxectou no Cineclube en 1970,  “9 cartas a Berta” de Basilio Martín Patino (que inicialmente ía ser introducido por Esteve Riambau, director da Filmoteca de Catalunya). Tamén tivemos a honra de proxectar, grazas á colaboración do Instituto Francés, “Talking about Trees” de Suhaib Gasmelbari (Francia-Sudán-Chad, 2019), filme premiado na Berlinale de 2019 e que segue os esforzos do Cineclube de Sudán por reabrir un cine ao aire libre na cidade de Omdurman ante décadas de censura islamista e burocracia ineficiente. Este filme transmite realmente o que significa para nós o cine: a beleza de ver unha película xunto a unha audiencia, de experimentala colectivamente, da importancia vital de crear unha comunidade e ao mesmo tempo precisamente admirar os sufrimentos para levar adiante esa experiencia.

A programación a pesar da pandemia.

A programación ordinaria, deixando de lado a temporalidade anual dos Luns de Filmoteca (en colaboración co CGAI a partir de outubro), reducíuse aos meses de xaneiro e febreiro, suspendéndose 9 filmes inicialmente programados nos meses de marzo e abril. A programación reiniciaríase coas cautelas ditadas polas autoridades sanitarias consonte a evolución da crise sanitaria: o Cineclube elaborou un protocolo de actuación que se anexa (nas seguintes ligazóns: plan seguridade COVID19 / plan seguridade e emerxencia de campo), e adquiriu material para optimizar a renovación de aire e control de calidade do mesmo con medidores de CO2 e produtos de limpeza para a oportuna desinfección da sala antes e despois de cada sesión. Todo isto permítenos anunciar con satisfacción a ausencia de casos COVID coñecidos nas 170 proxeccións realizadas.

A reducción do aforo (de 112 a 40 e finalmente a 30 persoas) e o posterior toque de recoller decretado (de 23:00 a 6:00 horas en Galicia) alterou toda a programación prevista. O encontro de cineclubes, previsto para xuño, celebrouse en setembro cunha sensible reducción de aforo e actividades previstas. A programación do 50 aniversario, que ía desenvolverse desde o devandito encontro de xuño, atrasouse e comprimíuse no último trimestre do ano. Isto obrigou a un notable esforzo de organización do ciclo, loxística de localización, recepción e devolución de filmes, limpeza da sala antes e despois de cada sesión, amplificándose ademais con outros ciclos paralelos ordinarios como as sesións de Filmoteca, o ciclo O Documental do Mes e as sesións extraordinarias en Ribadavia.

O traballo completouse coa investigación, redacción e tradución ao galego das follas de sala (a disposición on-line no propio apartado da web sala de máquinas do cineclube) que sirven de introdución a cada un dos filmes programados e, na medida das posibilidades nunha situación tan difícil, conseguiuse traer a varios directores para presentar dos filmes, entre os que destacamos Xosé Bocixa, Paco Gallego, Albert Serra e Oliver Laxe.

Con cada filme e antes de iniciarse a proxección, realízase unha breve presentación para dar contexto e información básica do filme, dirección, anécdotas, etc.

Non existe actualmente un debate organizado trala visión dos filmes (agás no ciclo do Colexio de Médicos), xa que programar varias sesións de cada filme nun mesmo día non permite facelo.

Filmes programados

Data Título do filme (País e ano de producción) dirección

20/01/20 La Strada (Italia, 1954) de Federico Fellini

21/0120 A balada de Naraiama (Xapón, 1983) de Shôei Inamura

22/01/20 Os miserables (Francia, 2019) Ladj Ly

27/01/20 A felicidade dos cans (España, 2019) de David Hernández *

29/01/20 Deus existe e chámase Petrunia (Macedonia, 2019) de Teona Strugar Mitevska

30/01/20 As testemuñas de Putin (Letonia, 2018) de Vitaly Mansky

03/02/20 Longa Noite (España, 2019) de Eloy Enciso – VOG

05/02/20 Un amor imposible (Francia, 2018) de Catherine Corsini

10/02/20 Eroski Paraíso (España, 2019) de Jorge Coira e Xron * – VOG

11/02/20 Vivir (Xapón, 1952) de Akira Kurosawa

12/02/20 O mozo Ahmed (Bélxica, 2019) de Jean-Pierre Dardenne e Luc Dardenne

17/02/20 A plataforma (España, 2019) de Galder Gaztelu-Urrutia

19/02/20 Araña (Chile, 2019) de Andrés Wood

27/02/20 Cris o suizo (Suiza, 2018) de Anja Kofmei

02/03/20 Beanpole (Rusia, 2019) de Kantemir Balagov

04/03/20 Sinónimos (Francia- Israel – Alemaña, 2019) de Nadav Lapid

09/03/20 O onda verde; que sexa lei (Arxentina, 2019) de Juan Solanas

10/03/20 Pozoamargo (España, 2015) de Enrique Rivero – (!)

11/03/20 Só temos que bailar (Francia-Xeorxia-Suecia, 2018) de Leva Akin

16/03/20 Buñuel no labirinto das tatarugas (España, 2019) de Salavador Simó Busom – (!)

17/03/20 Arima (España, 2019) de Jaione Camborda – VOG – (!)

18/03/20 Fin de século (Arxentina, 2019) de Lucio Castro – (!)

23/03/20 Ruben Brandt coleccionista (Hungría, 2018) de Milorad Krstic –(!)

25/03/20 A inocencia (España, 2019) de Lucía Alemany –(!)

26/03/20 Cachada (O Salvador, 2019) de Marlén Viñayo – (!)

30/03/20 O escritor dun país sen librarías (España, 2019) de Marc Serena – (!)

01/04/20 A candidata perfecta (Arabia Saudita, 2019) de Haifaa Al-Mansour – (!)

06/07/20 Whisky Galore (Reino Unido, 1949) Alexander Mackendrick **

08/07/20 A estraña parella (EUA, 1968) Gene Saks **

13/07/20 Rufufú (Italia, 1958) Mario Monicelli **

15/07/20 Sopa de ganso (EUA, 1933) Leo McCarey **

10/08/20 O noviño Frankenstein (EUA,1974) Mel Broks **

17/08/20 Stand by me (EUA, 1986) Ron Reiner **

24/08/20 Colle os cartos e lisca (EUA, 1969) Woody Allen **

26/08/20 Reboiras, acción e corazón (España, 2020) Alberte Mera *

27/08/20 Reboiras, acción e corazón (España, 2020) Alberte Mera

12/09/20 Curtas Festival de Cans 2020

14/09/20 Berlín, sinfonia dunha gran cidade (Alemaña, 1927) Walter Ruttmann *

18/09/20 Nove cartas a Berta (España, 1965) Basilio Martin Patino

19/09/20 Talking About Trees (Francia, 2019) Suhaib Gasmelbarri – VOSPt

19/09/20 A quimeira de ouro (EUA, 1925) Charles Chaplin *

21/09/20 Honeyland (Macedonia N, 2019) Ljubomir Stefanov e Tamara Kotevska

22/09/20 O sur (España, 1983) Victor Erice

23/09/20 M, o vampiro de Düsseldorf (Alemaña, 1931) Fritz Lang

24/09/20 Mystery train (EUA, 1989) Jim Jarmusch

07/10/20 Con saias e a rachar (EUA, 1959) Billy Wilder

08/10/20 Nosferatu (Alemaña, 1922) F.W. Murnau

09/10/20 A ventá indiscreta (EUA, 1954) Alfred Hitchcock

11/10/20 O padriño 1 (EUA,1972) Francis Ford Coppola

13/10/20 Cleo de 5 a 7 (Francia, 1962) Agnès Varda

14/10/20 O sabor das cereixas (Irán, 1997) Abbas Kiarostami

15/10/20 Plácido (España, 1961) Luis García Berlanga

16/10/20 A princesa Mononoke (Xapón, 1997) Hayao Miyazaki

18/10/20 O gatopardo (Italia, 1963) Luchino Visconti

19/10/20 Marwa, pequena e valente (Xordania-Qatar-Líbano_Francia, 2019) Dina Nasser

20/10/20 Ladrón de bicicletas (Italia, 1949) Vittorio de Sica

21/10/20 Rashomon (Xapón, 1950) Akira Kurosawa

22/10/20 O piano (Nova Zelandia, 1993) Jane Campion

23/10/20 Fantasia (EUA, 1940) VV.AA

25/10/20 Luces de escena (EUA, 1952) Charles Chaplin

26/10/20 O bígamo (EUA, 1953) Ida Lupino

27/10/20 Cabaret (EUA, 1972) Bob Fosse

28/10/20 O home da cámara (URSS, 1929) Dziga Vertov

29/10/20 A historia oficial (Arxentina, 1985) Luis Puenzo

30/10/20 Benvidos a Belleville (Francia, 2003) Sylvain Chomet

01/11/20 A lanterna vermella (China, 1991) Zhang Yimou

02/11/20 Robots, historias de amor do futuro (Alemaña, 2019) Isa Willinger

03/11/20 Persona (Suecia, 1966) Ingmar Bergman

04/11/20 Tres cores: azul (Francia, 1993) Krzysztof Kiéslowski

05/11/20 O anxo exterminador (México, 1962) Luis Buñuel

06/11/20 O home que matou a Liberty Valance (EUA, 1962) John Ford

07/11/20 A última viaxe do afiador (Esp, 2013) Aitor Rei

08/11/20 A viaxe dos comediantes (Grecia, 1975) Theodoros Angelopoulos

09/11/20 Sois belle et tais toi (Francia, 1981) Delphine Seyrig

10/11/20 En construcción (España, 2001) José Luis Guerín

11/11/20 A noite americana (Francia, 1973) François Truffaut

12/11/20 Ordet (A palabra) (Dinamarca, 1955) Carl Theodor Dreyer

13/11/20 Grey gardens (EUA, 1975) VV.AA

15/11/20 2001: Unha odisea no espazo (Reino Unido, 1968) Stanley Kubrick

16/11/20 Cando fumos bruxas (Islandia, 1990) Niestzchka Keene

17/11/20 Aguirre, a cólera de Deus (Alemaña, 1972) Werner Herzog

18/20/20 Veludo azul (EUA, 1986) David Lynch

19/11/20 Sábado noite, domingo mañá (Reino Unido, 1960) Karel Reisz

20/11/20 A lei do desexo (España, 1987) Pedro Almodóvar

22/11/20 A morte tiña un prezo (Italia, 1965) Sergio Leone

23/11/20 Liberté (Francia, 2019) Albert Serra *

24/11/20 O triunfo da vontade (Alemaña, 1935) Leni Riefenstahl

25/11/20 Amorodo e chocolate (Cuba, 1993) Tomás Gutiérrez Alea

26/11/20 Bailar na escuridade (Dinamarca, 2000) Lars Von Trier

27/11/20 Trainspotting (Reino Unido,1996) Danny Boyle

29/11/20 A delgada liña vermella (EUA,1998) Terrence Malick

30/11/20 A viaxe de Marta (España, 2019) Neus Ballús

01/12/20 A batalla de Chile 1 (Chile, 1975) Patricio Guzmán

02/12/20 Cidadán Kane (EUA, 1941) Orson Welles

03/12/20 O pantano (Arxentina, 2001) Lucrecia Martel

04/12/20 O camiño (Turquía, 1982) Yilmaz Güney, Serif Gören – VOSG (Realizado polo cineclube)

06/12/20 Fellini, oito e medio (Italia, 1963) Federico Fellini

07/12/20 A familia Samouni (Italia – Francia, 2018) Stefano Savona – VOSG

10/12/20 Soufra (Singapur, 2017) Thomas Morgan

10/12/20 Look at me (Catar, Tunes, Francia, 2018) Nejib Belkadhi

11/12/20 La querra empieza aquí (España, 2018) Joseba Sanz

11/12/20 Mafak (Palestina,EUA, Catar, 2018) Bassam Jarbawi

12/12/20 Sky and ground (EUA, 2018) Talya Tibbon, Joshua Bennett

12/12/20 Estruturas. Pel contra pel (España, 2014) Paco Gallego e Xosé Bocixa * / ** – VOG

13/12/20 Yomeddine (Exipto, 2018) Abu Bakr Shawky

13/12/20 O bosque animado (España, 1987) José Luis Cuerda **

14/12/20 Vitalina Varela (Portugal, 2020) Pedro Costa – VOG

18/12/20 Arroutada (España, 1979) Iván Zulueta

20/12/20 A semente do diaño (EUA, 1968) Roman Polanski

21/12/20 Overseas (Bélxica-Francia, 2019) Sung A Yoon

22/12/20 Happy together (Hong Kong, 1997) Wong Kar-Wai

26/12/20 O apóstolo (España, 2012) Fernando Cortizo ** – VOG

27/12/20 O que arde (España, 2019) Oliver Laxe * / ** – VOG

……………………….

(!) Suspendida polo estado de alarma.

* Con presenza do director, cadro artístico, musical e/ou técnico.

** Proxeccións en exteriores (Cine de verán e Ribadavia).

Todos os filmes son proxectados en xeral en VOE (versión orixinal en castelán)  e VOSE (versión orixinal subtitulada ao castelán), agás aqueles que indicamos VOSG (versión orixinal subtitulada ao galego) ou VOG (versión orixinal en galego), contraendo o Cineclube o compromiso de subtitular cada ano determinados filmes ou preferindo de existir, a versión no propio idioma de Galicia. Este ano, o Cineclube subtitulou ao galego“Yol, O Camiño” (Turquía, 1982) de Yilmaz Güney e Serif Gören.

Procedencia das produccións exhibidas durante 2020

Por procedencia dos filmes, aínda que resalta coma sempre a suma europea con 79 producións, destacan tamén as 24 producións españolas (11 curtas, incluíndo os filmes galegos que contaron todos coa presenza do/a director/a para presentar os seus traballos), 17 filmes de procedencia francófona e 22 fitas norteamericanas, conformado unha variedade de até 57 países diferentes.

En canto ás producións máis pequenas, contabilizamos 13 curtametraxes proxectadas, destacando a sesión especial de curtas gañadoras do Festival de Cans e a adquisición de tres series de curtametraxes do FICBUEU (aínda pendentes de proxección en colexios e en sala).

Asistencia

Dentro dos aforos, destacan as proxeccións europeas; “Os miserables” (Francia, 2019) de Ladj Ly con 206 espectadores, e “O mozo Ahmed” (Bélxica, 2019) de Jean-Pierre Dardenne e Luc Dardenne con 184 espectadores. Tralo reinicio das proxeccións despois do estado de alarma, destaca a asistencia de “O que arde” (España, 2019) coa presenza do director Oliver Laxe na Igrexa da Madalena en Ribadavia, con 40 persoas.

Dadas as restricións de aforo establecidas a partir do estado de alarma (30 persoas), destacaremos como referencia o nivel de ocupación e asistencia media, sendo a media por sesión en xeral 27,33 persoas e pasando coas medidas COVID a 16,04 (sobre 30 máximo), subindo nas sesións únicas subía a 24,65 persoas (sobre 30 máximo).

En todo caso en 2020, o número total foi de 4.647 espectadores/as (-3.731 con respecto ao ano anterior, que non debería ser comparable xa que non había restricións de aforo; a media de asistencias sitúabase en 27,49 persoas por sesión e 50,51 por filme).

Economía

En 2020, as cotas anuais e proporcionais dos socios financiaron o 45,91% dos ingresos do Cineclube. Aínda que a última hora o Concello de Ourense presentou para a sinatura un convenio co Cineclube, os 6.000 euros establecidos serán ingresados trala oportuna presentación da conta xustificativa, producíndose en calquera caso en 2021. O resto de ingresos (54,09%) corresponden a servizos prestados polo Cineclube (proxeccións en colaboración con ou para terceiros, nos que se repercuten os gastos orixinados polas adquisicións das licenzas de exhibición pública dos filmes). No desglose dos gastos, un 12,70% corresponden ao pago de tributos e comisións bancarias, un 33,24% a servizos contratados (seguros, dominio internet, agasallos homenaxe 50CCPF, etc.), e a partida máis importante corresponde á adquisición de dereitos para difusión pública dos filmes, que alcanza o 54,06% do exercicio de 2020 (o principal fornecedor é loxicamente a FECIGA, que actúa de intermediaria entre as diferentes distribuídoras audiovisuais).

No apartado de ingresos principais, a cota anual normal e obrigatoria estableceuse desde a pasada asamblea en 10 euros. A devandita cota ten descontos para desempregados, estudantes e xubilados (50%), así como para as proxeccións das 23:00 horas e os que asistan a todas as proxeccións da semana (filmoteca + ciclo). O número actualizado de persoas ao corrente de pagamento é de 323 dun total de 573 socios/as.

A cota proporcional e semanal de socios/as: 2 euros en sesións de Filmoteca (luns), 4 euros en sesión de ciclo (mércores). O desconto aos socios aplícase en caso de asistencia nunha mesma semana ás 2 sesións (-1 euro), que se desconta na sesión do mércores. Do mesmo xeito, aplícase outro desconto a desempregados, xubilados e estudantes para a sesión das 23:00 horas (-1 euro). Non se fará desconto en caso que as sesións sexan gratuítas ou de que a persoa ou ben non sexa asociada ou ben teña a cota de pago anual pendente.

Aos non asociados, as cotas proporcionais establecidas para sostemenemto da actividade establécense en 2,5 euros en sesións de Filmoteca (luns), 5 euros en sesión de ciclo (mércores). O número de cotas proporcionais satisfeitas entre xaneiro e marzo (incluídos socios e non socios) foi de 1.919 persoas. No reinicio de actividades tralo estado de alarma, todas as sesións ata final de ano foron gratuítas (así previsto no proxecto de actividades para a conmemoración do 50 aniversario e pola realización de actividades ao aire libre), polo que o desfase entre ingresos e gastos ven dado pola situación creada pola pandemia, coa conseguinte supensión de proxeccións entre marzo e xuño, e a falta de ingresos polas cotas semanais.

Esta circunstancia imprevista (pandemia), coa paralización de ingresos durante unha parte do primeiro e segundo trimestre do ano, xunto cos gastos da realización do 50 aniversario, o resultado do exercizo non foi satisfatorio para as arcas do Cineclube, provocando un desfase negativo de 12.203,15 euros ao final do exercicio. A situación real da situación económica detállase no balance, contas e memoria económica.

En relación as axudas públicas no ano 2020, o Cineclube Padre Feijoo, actualmente só ten o compromiso de axuda directa por convenio (asinado o 1 de decembro de 2020) co Concello de Ourense por importe de 6000 euros. Non ten recibida outra subvención pública directa, nin por concurrencia.

Ao formar parte da Federación de Cineclubes de Galicia (FECIGA), recibe un desconto na facturación dos filmes, froito do convenio suscrito entre a FECIGA e a Xunta de Galicia, para a promoción da actividade cineclubística en toda Galicia. En razón ao mesmo, insírese na publicidade das actividades, os logos da Federación de Cineclubes de Galicia e da Xunta de Galicia.

O Cineclube Padre Feijoo, ten asinado un convenio coa Axencia galega de industrias culturais (AGADIC), para albergar en Ourense a programación descentralizada da filmoteca galega; O Centro Galego das artes da imaxe (CGAI), encargándose únicamente da proxección dos filmes enviados, e inserindo do mesmo xeito na publicidade, os logos do CGAI e o AGADIC.

Por último, en recoñecemento á colaboración e facilidades prestadas desde o re-inicio das proxeccións no salón de actos da casa da cultura, xestionado entón pola Biblioteca pública, insire en toda a súa publicade, o logo da Biblioteca pública de Ourense (NÓS). Pode consultarse as xustificacións ás subvencións recibidas de anos anteriores, no apartado de transparencia.

> Podes descargar o documento completo da memoria, balance de situación, conta de perdas e gañanzas, datos desglosados de capacidade por filmes e proxecto de actividades-económico 2021 no seguinte ligazón:

CONVOCATORIA ASEMBLEA 2021

En aplicación do artigo 19 dos estatutos do Cineclube Padre Feijoo, a xunta directiva acordou o 14 de xaneiro de 2021 convocar Asembleas ordinaria e extraordinaria para o vindeiro 17 de febreiro de 2021, ás 19:00 horas en primeira convocatoria e 19:30 en segunda e última convocatoria, no salón de actos da Casa da Cultura ou no seu defecto vía streaming, ao través das canles que se habilitarán e comunicarán aos socios por correo electrónico. A celebración das asembleas será sucesiva, coa orde que se detalla a continuación.

(Para aqueles socios/as que non comunicaran o seu correo no momento da alta, deberán comunicalo ao correo oficial do Cineclube).

Con carácter ordinario da asemblea, convócase aos/as socios/as, para:

Informe das memorias (actividades e económicas) do ano 2020 e aprobación se procede do balance económico e de contas, orzamento económico e proxecto de actividades para o ano 2021. Rogos e preguntas.

Con carácter extraordinario da asemblea, e consonte ao artigo 21.8 dos estatutos:

Acordo sobre solicitude de declaración de utilidade pública.

Para asistencia e exercizo de votación, é imprescindible estar ao corrente de cotas do 2020 e solicitar reserva de espazo en caso que a asemblea se realicé de xeito presencial (de non existir, non se pode garantir a entrada de acordo coas restriccións sanitarias).

[Por correo dirixido: cineclubepf @ gmail .com / asunto: asistencia asemblea, indicando nome e apelidos para verificar o estado de pago das cotas, non atendendo outras peticións, que poden formularse na asemblea sen necesidade de exercer a votación]

En caso de superar as restricións de aforo ou a situación da evolución da pandemia do COVID19 o impidan, temos un plan B… o Cineclube decidíu artellar en reserva (só en caso que non poida ser presencial ou se supere o aforo permitido) un trámite online, que funcionará do seguinte xeito:

O/a socio/a coas cotas ao corrente que desexe asistir con dereito de voto, deberá previamente  descargar a aplicación gratuíta de mensaxeria Telegram e conectarse mediante enlace de videoconferencia que suministrará o Cineclube aos/ás socios mediante correo electrónico.


A aplicación Telegram servirá previa ligazón que subministre o Cineclube para exercer a votación dos puntos do día, de modo privado, anónimo e seguro.


O chat de videoconferencia servirá para exposición, debate e interpelación no exercicio da asemblea. Os/as socios/as recibirían a ligazón privada do chat de videoconferencia, que non precisa de ningunha descarga adicional.


Pregamos que as solicitudes de reserva do espazo presencial, ou asistencia online, se realicen ao correo electrónico con antelación máxima de 2 días antes da data (último día luns 15/02/21), para facilitar a asistencia e recepción das ligazóns de votación e videoconferencia, en caso que sexa necesario pola superación do aforo.

Agardamos retomar a programación ordinaria trala asemblea e se as condicións de evolución da pandemia o permiten.

Asamblea 2020

Por acordo do 30/12/2019 da Xunta directiva do Cineclube Padre Feijoo, convócase ás seguintes e sucesivas Asambleas do Cineclube Padre Feijoo, no salón de actos da Casa da cultura na antiga Biblioteca (Rúa Concello, núm.11 -baixo de Ourense), para o vindeiro mércores 15 de xaneiro de 2020, ás 20 horas en primera convocatoria e ás 20:30 horas en segunda convocatoria*, coas seguintes ordes do día:

Con carácter ordinario da asamblea:

1.- Informe da memoria das actividades realizadas e aprobación se procede do balance económico, orzamento económico e proxecto de actividades para o ano 2020.

2.- Rogos e preguntas.

Con carácter extraordinario da asamblea:

3.- Elección de cargos da xunta directiva
Para asistencia e exercizo da votación, é imprescindible estar ao corrente das cotas en data anterior á convocatoria, portar un documento identificativo con foto, (tipo DNI, pasaporte, carnet de conducir ou da Biblioteca pública) ademais do carnet de socia/-o.

CINECLUBEPF_conv-asamblea-xan20

……

O detalle do informe e propostas para a Asamblea, aquí.

A crónica do 2019

Durante o ano 2019, realizáronse 169 proxeccións (-6 con respecto ao ano anterior) de 92 películas (+1).

Habitualmente as proxeccións realízanse no salón de actos da Casa da cultura na antiga biblioteca da Rúa Concello núm.11 de Ourense.

O salón dispón de 112 butacas, e realizáronse habitualmente proxeccións os luns ás 20:30 e 23 horas, e os mércores ás 18, 20:30 e 23 horas.

Outras proxección foron, co colexio de médicos ( martes, unha vez ao mes ás 19.30 horas de xaneiro a xuño), co oficina cultural do campus de Ourense (xoves, unha vez ao mes, desde marzo) ou ben fóra do salón de actos da casa da cultura ( A Ponte, Praza San Marcial, Museo etnolóxico de Ribadavia…)

A programación, aparte da temporalidade anual de todos os luns de “Filmoteca”, (en colaboración co CGAI a partir de abril), foron os seguintes ciclos; “Europa”, “Converxencias” , “Primavera musical” en diversos lugares (café cultural Auriense, Café pop Torgal, e café cultural El Pueblo), “Animación”, Cine de verán, “Sesións de outono”, “Oriente / Occidente”, xunto co programado en colaboración co Colexio de médicos de Ourense, as “Marxes fílmicas” e “Miradas etnográficas” no Museo etnolóxico de Ribadavia, conformaron un número de actividades lixeiramente máis baixo con respecto ao ano anterior (-3,42% actividades, -11,8% espectadores de media con respecto a 2018)

Reiteramos o compromiso de formación, cunha breve presentación e contexto de cada filme, elaboración dunha folla de sala con entrevistas ao director, e na medida das posibilidades, traendo a/o director/-a a facer a presentación e debate da película. (Indicando cun * a presenza do director, cadro artístico e/ou técnico)

Desglose da procedencia dos filmes proxectados:

Por procedencia dos filmes, a suma europea con 75 produccións sigue en primeira posición, destacando aparte as 28 produccións españolas, 20 norteamericanas (EUA e Canadá), 14 francesas , 5 chinesas, do Reino Unido e Bélxica, conformado unha variedade de ata 30 países diferentes.

CINECLUBEPF_Procedencia_produccións_2019

Totais:

Alemaña (4), Austria (2), Bélxica (5), Burkina Faso (1), Canadá (3), China (5), Colombia (1), Corea do sur (1), Dinamarca (4), España (28), EUA (17), Francia (14), Grecia (1), Hungria (1), Irlanda (1), Italia (1), Libano (1), Luxemburgo (1), Noruega (1), Polonia (3), Qatar (1), Reino Unido (5), RDA (1), Rumania (1), Rusia (1) , Suecia (4), Suiza (2), Tunisia (4), Turquía (1) e Xapón(4).

Aforos:

Dentro dos aforos, destacan as proxeccións europeas; “Cold war” unha producción de Polonia (que destaca igual que o ano pasado con “Loving Vicent” ) con 292 espectadores/as, a producción belga “Girl” 260 espectadores/as, e síguelle a xaponesa “Un asunto de familia” con 256 espectadores/as.

Dentro das produccións españolas destaca “Trinta lumes” con 153 espectadores/as, “O silencio doutros” con 90 e a ourensá “Mar de terra” con 82 espectadores/as en total (2 sesións diferentes).

Os filmes que lamentablemnte menos público congregaron foron a excelente “Nocturno: pantasmas de mar en porto”, “Namrud”, e “Time trial”. Advertir que a primeira foi o resultado dunha sesión especial sen apenas tempo para anunciala, e as dúas seguintes froito dos inicios do ciclo “Documental do mes”.

En xeral podemos avanzar que houbo unha reducción do aforo con respecto a anos anteriores.

A variación (2019-2018) sofre un descenso de 1082 espectadores/as. Do mesmo xeito se as comparamos con respecto a anos anteriores (2017) -1175, (2016) -538 e (2015) -1671 espectadores/as.
Este patrón de disminución, é semellante no desglose da programación do CGAI; Neste ano (2019) 18 filmes / 771 espectadores, pásase ao ano (2018) 22 filmes /1146 espectadores e no ano (2017) 17 filmes / 578 espectadores. Obsérvase polo tanto comparativamente que aínda que hai unha reducción con respecto ao ano anterior, esta é mellor en relación ao número de proxeccións realizadas.

Na programación co Colexio de médicos, os seis filmes habituais foron no ano 2017 (355 espectadores), 2018 (426 espectadores) e no 2019 (426 espectadores).

Na Primavera musical; os habituais 5 filmes no ano 2017 (280 espectadores), ano 2018 (274 espectadores) e no ano 2019 (255 espectadores).

En Ribadavia, a suma das proxeccións do verán e outono (marxes fílmicas e miradas de outono) resultan 298 espectadores (2017), 253 espectadores (2918) e 327 espectadores (2019).

Da comparativa de aforos por meses, resulta o primeiro trimestre como o máis importante, aínda que vemos como no ano anterior resultara excepcional o mes de outubro e novembro.

CINECLUBEPF_aforos_meses

A media por sesión no ano 2019, sitúase no 43,17 (-4,7) e por cada película en 79,30 (-12,76). O resultado indica unha disminución en torno ao 11,8% cun 3,4% menos de actividades con respecto ao ano anterior.

Estado económico
A disminución nos datos de asistencia ten consecuencias nos resultados do balance económico.

Actualmente, aparte das cotas proporcionais de cada sesión dos socios (luns 2, mércores 4 euros), hai unha cota anual que permite financiar 2/3 partes do orzamento total para as proxeccións.

A cota anual de socios/as, xeral é de 10 euros, con descontos para parados, estudantes, abonados da biblioteca e xubilados (50%), así como para as cotas proporcionais das sesións das once da noite e dos que asistan aos días habituais da semana (filmoteca + ciclo). (Un euro menos respectivamente)

O número total de persoas ao corrente de pago da cota anual é de 546 (+127) socios/as.

Os ingresos por cotas no ano 2019 ascenderon 19.130,00 euros (-220 euros con respecto ao ano anterior)

Incrementáronse os ingresos por servizos prestados 10.603,58 euros (+3094,60 con respecto ao ano anterior)

Pola contra continuamos sen nengún tipo de ingreso por subvención, aumentando os custes por proxección; 15.248,95 euros (+405,20 euros) e os custes de seguros, respostos e material; 4952,71 (+1381,47 con respecto ao ano anterior).
A continuación, o detalle das entradas e saídas de caixa, durante o último ano (comparada co ano anterior, en primeiro lugar):

CINECLUBEPF_balance_contas_2019

Con respecto aos anos anteriores

CINECLUBEPF_comparativa_anos_anteriores_2019

Consta anuncio para consulta e aprobación se procede dos asociados do informe completo co balance, estado de contas e memoria do exercizo do 2019 e propostas para o 2019, para a Asamblea ordinaria a celebrar o vindeiro 15 de xaneiro de 2020.

.

.

Pode descargar o informe para a asamblea, aquí

[PDF 232 Kb: memoria 2020 e documentos asamblea 2021  ]