Comunicado oficial do cineclube sobre a situación da 23 edición do OUFF

Foto: Xesús Fariñas

Diante da situación creada nos últimos días, sobre a celebración da 23 edición do Festival de cine internacional de Ourense -OUFF-, o Cineclube Padre Feijoo quere manifestar o seguinte:

Ourense é unha cidade con cultura cinematográfica. O festival de cine foi, no seu día (1996), un xesto creado para unha cidade que contaba coa existencia de 10 cineclubes na provincia; as Xornadas de Cine de Ourense (1970) e, posteriormente, o Cine das Nacionalidades (1973). Respecto a este último evento, o catedrático Ángel Luis Hueso, en Historia do Cine en Galicia (Vía Láctea, 1996, pp. 185-6), sinala que contribuíron ao florecemento e desenvolvemento dunha das manifestacións cinematográficas máis interesantes da década.
Ese “xesto de creación” do festival de cine medrou con atrancos, excesos e dificultades. Mais no fundamental e principal, o festival era (e é) unha xanela cultural de diversidade que pode contribuír á proxección exterior dunha cidade ancorada sobre si mesma. Cremos que nos dous últimos anos, a pesar das dificultades económicas, o OUFF proxectou con acerto cara ao exterior como cara ao interior, apuntando na dirección do público desta cidade.

.
Non se pode perder unha oportunidade cultural única coma a do OUFF. O festival de cine é, ademais, un importante motor económico, tanto no eido audiovisual coma no eido local: unha fonte para empresas de hostalaría, restauración, transporte e servizos.

.
A situación actual, motivada pola saída a concurso da súa xestión a escasos cinco meses da súa teórica celebración, presume a ausencia de edición de 2018 e posiblemente a de 2019. Nesta situación inédita, con respecto a outras cidades con festival de cinema e coa mesma obriga de aplicar a lei de contratos, estamos perante unha falta de respecto aos cidadáns aos que presumiblemente vai dirixido este festival. Noutra orde de cousas, consideramos que é rexeitable a falta de consideración ética co traballo desenvolvido até o de agora polo equipo de Fran Gayo.

.
Por último, consideramos que existe unha inescusable mostra de indolencia e deixamento, reprobable por canto este Cineclube, diante do Consello Municipal de Cultura, preguntou ata en dúas ocasións (decembro de 2017 e marzo de 2018) sobre a xestión futura do OUFF sen recibir unha resposta clara por parte da Concelleira de Cultura.

.
Cremos, ademais, que Ourense padece importantes déficits no eido cultural: Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense pechado, perda da Banda Municipal de Música, falta dun Hotel de Asociacións Culturais, axudas convocadas con atraso, obriga de taxas a entidades culturais e sociais para a realización de actividades sen ánimo de lucro dirixidas a un público xeral, falta de espazos de difusión…

.
Logo do Consello Municipal de Cultura, celebrado o 31 de maio, o Cineclube -institución cultural que leva prestando os seus servizos durante case 50 anos na cidade- solicita que a concelleira de Cultura, D.ª Belén Iglesias Cortés, dimita e abandone as súas responsabilidades en materia cultural.

.
Non pode seguir quen é, en parte, responsable da situación de risco na que se atopa a 23ª edición do OUFF, e da indolencia manifesta dos devanditos e importantes déficits culturais.

.
Ourense, 1 de xuño de 2018

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Google photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s