Fritz Lang

set metropolisXunto a Murnau, o austríaco Friedrich Christian Anton Lang  é un dos mestres da escola expresionista. O cine expresionista alemán é o nome que selle dá a un grupo de producións cinematográficas con certos aspectos en común. Este estilo de facer cine ten a súa correspondencia coa corrente pictórica, chamada así por contraste co impresionismo do século XIX, é dicir, con aquel tipo de pintura na que prima a «expresión subxectiva» sobre a representación da obxectividade. Esta pintura recorría a cores ferintes e ritmos lineais moi fortes. Arraigou fundamentalmente en Alemaña, de onde xurdiu o movemento Die Brücke (a ponte), fundado en 1905 por uns estudantes de arquitectura. Precisamente Lang, comezara os seus estudos, (1908) na Escola Técnica de Viena, por desexo paterno; pero inclinábase pola pintura, de modo que interrompeu os devanditos estudos arquitectónicos para matricularse na Escola de Artes Gráficas de Viena. Os seus modelos eran Klimt e especialmente Schiele, que admirou de por vida. Pasou pola escola de Núremberg e logo á Escola de Belas Artes de Múnich. Posteriormente, abandonou o fogar paterno e emprendeu unha serie de longas viaxes, deixando os estudos. Inicia unha época de cambios continuos de residencia e de vida bohemia (traballou en dous cabarés vieneses, e viaxou por todo o mundo).

Metropolis (Metrópole) naceu na súa viaxe a Estados Unidos, en outubro de 1924, vendo dende o seu barco na noite ante o porto neoiorquino os rañaceos da cidade e as rúas iluminadas. Ao regresar, Thea von Harbou (a súa segunda muller) poñeríase a traballar no guion. Esta inspiración pódese relacionar coa rodaxe na materialización das ideas visuais máis que co guion, xa que a historia estaba probablemente moi perfilada en xullo de 1924. Von Harbou escribiu así mesmo unha novela que se baseou na trama da película.

A escenografía do filme destaca pola arquitectura art decó, que recorda á das cidades máis modernas de entón, principalmente Nova Iorke, aínda que a arquitectura de rañaceos xorde na escola de Chicago. Entre os edificios enmaráñanse as avenidas e as liñas do tren. Os edificios da cidade de superficie son dunha estrutura maxestosa, mentres que a cidade dos traballadores, subterránea, resulta máis sinxela, lacónica e sombría.

Entre estes dous espazos básicos existen lugares cunha arquitectura propia e característica. Na cidade superficial está a catedral, de liñas góticas, e a casa de Rottwang, un edificio antigo, tamén de aires medievais, que se asemella máis ao taller dun alquimista que ao laboratorio dun científico; Lang e Von Harbou acordaron reconducir a idea orixinal de proporcionarlle a Rottwang capacidades máxicas. Na cidade subterránea distínguese ademais, unha zona do clandestino asociada cos espazos cavernosos onde a alegoría da salvación dos traballadores epreséntase mediante a imaxe dos cristiáns, escondidos nas catacumbas durante os tempos da súa persecución.

Na representación da orde social, Metrópole apóiase por un lado no marxismo: hai dúas clases sociais claramente diferenciadas e separadas, nas que unha explota a outra sen que haxa posibilidades de medrar. A «alienación do traballo» podería relacionarse con que haxa algunhas máquinas sen unha utilidade recoñecible. Por outro lado tamén se critica o ideal de revolución socialista. O personaxe do robot María, representado claramente como malvada, lanza os traballadores á loita, e como resultado destrúen o seu medio e sustento, empeorando a súa situación en lugar de mellorala. A colaboración entre clases sociais, en lugar da loita de clases, recorda non obstante o nacionalsocialismo e a súa ideoloxía, pois era a estrutura económica corporativista que defendía o programa do Partido Nacional-Socialista dos Traballadores de Alemaña (NSDAP); ideoloxía co cal Thea von Harbou simpatizaba, contrariamente a Fritz Lang (que tiña aos seus pais con ascendencia xudea).

Lang deu a entender máis tarde que a idea do corazón como mediador entre a man (a forza do traballo) e o cerebro (a capacidade directora da sociedade) era falsa e que por iso xa non lle gustaba esta película. Tras esta opinión escondíase a situación social que se vivía e non un conflito de orde moral. Aínda que a tese central do cerebro, a man e o corazón pertence a Thea von Harbou, él era responsable desta, polo menos en parte, como director da película que era. Lang, en realidade, estaba moito máis interesado nos aspectos técnicos e arquitectónicos do filme que no trasfondo político da trama.

Do cristianismo tómase a parábola da Torre de Babel: na variante se mostra que que os arquitectos e os traballadores falaban unha mesma lingua pero non se entendían. Tamén se rescata a figura de María, que personifica o ben, así como o anuncio da vinda dun redentor e a figura do falso profeta (o robot María).

A maioría dos historiadores exculpan a Lang de querer engrandecer ao pobo ario nas súas películas, culpando a súa esposa e guionista, Thea von Harbou, futura militante do partido nazi, de ser a responsable dese enaltecemento. Mostra diso, do antisemitismo de Thea Von Harbou, emerxe na película co deseño dunha estrela de David que preside, en forma de orla, a creación do home-máquina, o híbrido destrutor da mesma raza humana.

Lang, sen embargo, realizará “O testamento do doutor Mabuse”, en 1933, película prohibida na Alemaña da época por constituír unha alegación contra o nacionalsocialismo. Un pouco máis tarde fuxirá a Estados Unidos onde proseguirá coa súa obra e falecerá en 1976.

Con Metrópole xogará cos espazos, volumes e claroscuros. As súas imaxes pasarán á historia do cine (filme declarado patrimonio da humanidade) e no que o espectador inesquece o seu opresivo mundo subterráneo, o relevo correspondente dos obreiros, a inundación, o pánico na cidade, etc. Metrópole representará o apoxeo do expresionismo.

A música de Gottfried Huppertz, leva a cabo en “Metrópole” un flamante traballo que pode incluírse entre as mellores partituras creadas para o cine mudo. Nela móstranse non só avances inauditos cara á narratividade co establecemento de multitude de puntos de sincronización respecto da imaxe, senón un fervente desexo de organizar a composición sobre a base de leitmotiv e citas a outras obras musicais (o Dies Irae e A Marsellesa, por exemplo), establecendo arredor desa estrutura unha remarcable relación entre os temas individuais e o contexto dramático no que son aplicados. Pero tamén, a partitura esperta especial interese por ser filla do seu tempo, dese ideario panxermánico co que Von Harbou alenta o nacionalismo dunha sociedade en bancarrota moral, aberta de carnes a unha asfixiante crise financeira, ansiosa por alimentarse co sangue dos que fan fortuna nun país que sofre unha deflación brutal (se en 1923 o marco se cambia a 7.3 dólares, poucos anos despois un dólar supón máis de 6 millóns de marcos, o que contribúe a que os estranxeiros compren por un puñado de moedas, grandes propiedades na Alemaña prenazi).

O discreto éxito da película entre o público daqueles anos tamén pode explicarse por iso, xa que a imaxe social desenvolvida na historia se opón ás apenas cuestionadas crenzas no progreso que se tiñan entón. O xénero de ciencia-ficción do cine mudo presenta a utopía, polo xeral, en positivo, mentres que Lang recorre á escravización dos tempos bíblicos para representar o futuro. As monumentais máquinas da cidade subterránea proporcionan ás clases baixas unha vida indigna, a masa humana é doadamente manipulable e practícanse ritos medievais como a queima de bruxas.

A versión inicial de Metrópole sufriu numerosos cortes e modificacións na súa montaxe, especialmente para a súa estrea en Estados Unidos, que desvirtuaron en boa medida o guion elaborado por Harbou e realizado por Lang.

A metraxe descartada foi dada por perdida, polo que a versión coñecida durante a maior parte do século XX non era completa; aínda así, en 2001 a película foi obxecto dunha profunda restauración na que participaron numerosas filmotecas a nivel mundial. Non obstante, en 2008 o investigador Fernando Martín Peña localizou unha copia en Bos Aires (Arxentina), en formato de 16 mm, que se ben non presentaba a metraxe completa si incluía a maior parte del, o que supuxo a incorporación á película dun total de 26 minutos practicamente inéditos dende a súa estrea inicial. Lamentablemente, o estado da copia era de mala calidade, pero permitiu facer unha nova montaxe bastante próxima ao orixinal, que foi estreado na Berlinale e comercializado en 2010 (e que así proxectamos en Ourense, no Cineclube)

——————————–

Filmografía de Fritz Lang

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s