Agradecer ao xurado establecido co gallo dos premios Toxo e Morogo do Café Isaac, que este ano tiveron a ben, honrarnos co premio MOROGO.
Premio que aceptamos e desde logo extendemos ao público, que asiste e enche nos dous últimos anos o Cine Box.
A nova foi recollida pola prensa, tal como vedes nos seguintes enlaces; Faro de Vigo, La voz de Galicia, La voz de Galicia, e na web do OUFF
Transcribo a acta cos fundamentos e motivación comunicada polo xurado.
Reunidos en Ourense os membros do xurado convocado polo “Café Isaac” para cumprir co irrenunciable e tradicional cometido de fallar os premios “Toxo e Morogo” e integrado o mesmo a título persoal por Cristina Huete, Armando Ojea, Victor Rodríguez, Cándida Andaluz, Sonia Torre, Manuel Catoira, Miguel Pereira e Paco Sarria,
ACORDAN
Outorgar o premio TOXO á alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Elisa Nogueira. O xurado estima que concorren na figura da premiada circunstancias como a actitude de neglixencia reiterada polo Concello que preside, respecto ó funcionamento da sua depuradora e, en consecuencia, os verquidos que -as máis das veces tóxicos- derivan sistemáticamente no cauce do río Barbaña.
Empecinada en ollar cara outro lado, pese a gobernar un dos concellos máis industrializados e ricos da provincia, preside un concello sen política medioambiental. E lonxe de facer fronte á situación, o grupo de goberno que
preside ten ocultado e mesmo negado as evidencias a pesares das sancións das que ten sido obxecto polos danos ocasionados ao río.
O feito máis relevante foi o verán pasado a exterminación de especies no Barbaña.
Pese a considerar que a Alcaldesa de San Cibrao das Viñas é a máxima responsable dos “méritos” mencionados, o xurado tamén quere deixar constancia da falla de esforzo doutras Administracións como a Xunta de Galicia. Como tamén do Seprona, a Fiscalía e a Confederación hidrogáfica, que máis sete meses despois do verquido que acabou coa vida de 17 mil peixes, aínda non foron quen de atopa-la verdadeira orixe e aos seus responsables.
Pola contra, o mesmo xurado acordou conceder o premio MOROGO a
O Cineclube Padre Feijoo, por demostrar con constancia e poucos recursos económicos que cando a proposta cultural ten calidade, os ourensáns respostan facendo honra ao vello apelativo de que ésta é a Atenas de Galicia.
Logo de ser unha referencia cultural na dictadura e a transición, e de sucumbir no seu día as presións do sector máis retrogado da nosa sociedade, ate o punto de acabar sendo unha entidade marxinal, seus actuais xestores, souperon revitalizar éste foro que foi fundamental na nosa cultura moderna, e aglutinar aos amantes da cinematografía ourensán, ao redor de cintas que non acostuman a chegar ás nosas salas de proxección. Pezas fundamentais do séptimo arte que de non ser polo tesón e interese cultural amosado polo Cineclube Padre Feijoo, non serían accesibles aos ourensáns que respostan coa sua asistencia ás proxeccións.
E para que así conste, asinamos a presente acta na data de entrega dos
premios.